O primeiro trimestre do ano deixa datos para o optimismo sobre a saúde do audiovisual galego. Así o reflexan os máis de dous millóns de euros de valor publicitario acadados polas actividades levadas a cabo pola Academia Galega do Audiovisual. A iniciativa máis popular e lonxeva, os Premios Mestre Mateo, celebraron a súa vixésima edición e obtiveron unha notable repercusión en medios de comunicación. Chegaron a unha audiencia de máis de 800.000 persoas, cun valor publicitario de 1.638.315 €. Supón un incremento do 55% con respecto ao obtido na edición anterior. O evento cultural galego máis importante da historia de Expocoruña, deixou un retorno económico directo na cidade de mais de 250.000 €. Supuxo tamén un importante polo de atracción de inversión privada, xa que o 33% do orzamento foi aportado por empresas patrocinadoras e colaboradoras.
Pola súa banda, a terceira edición da Semana do Cinema Galego tamén foi seguida con interese polos medios de comunicación. Acadou un valor publicitario de 214.481 €, chegando a unha audiencia de 4.712.835 persoas. Os dez filmes que conformaron o programa, foron vistos por máis de 3.000 espectadoras e espectadores que encheron a sala do Teatro Colón, colgando en dúas ocasións o cartel de «completo». En canto as proxeccións do Ciclo Mestre Mateo, o presidente da Academia Álvaro Pérez Becerra sinala, «a boa acollida de público que está a ter o Ciclo non fai máis que confirmar o gran momento de crecemento e creatividade que está a vivir o sector audiovisual galego».