-
A cerimonia demostrou que é a gran cita anual da música galega, o momento agardado para celebrar a nosa produción musical pero tamén para lembrar as reivindicacións do sector
-
Os 18 proxectos premiados, entre os 442 presentados, leváronse para casa os Melómanos e Melómanas e Carlos Barruso recolleu o Premio Honorífico
A VI gala dos Premios Martín Códax da Música, promovidos pola Asociación Músicas Ao Vivo (MAV), superou as expectativas de calquera gala en termos de emoción, calidade e orixinalidade das propostas escénicas e musicais, grazas ao talento do director artístico, Quico Cadaval; o humor e o toque de lírica elegancia das presentadoras Lucía Aldao e María Lado; e a versatilidade e luminosidade do impecable septeto de jazz dirixido por Pablo Castaño. O espectáculo, ao que asistiron máis de 700 invitados, estaba artellado cun obxectivo claro: amosar a diversidade da música galega e o seu carácter permeable e viaxeiro. Baixo unha peza da artista Ana Seoane presidindo a escena e representando o noso mestizo ADN musical, o enxeño de Cadaval debuxou unha viaxe pola historia da música galega con paradas inesperadas, momentos delirantes e historias nunca antes contadas, que revelaron as verdadeiras orixes da nosa música, filla de múltiples mestizaxes.
O percorrido comezou cos cantos ancestrais de Alan Lomax interpretados pola emocionante voz de Mónica de Nut, que tamén protagonizou a seguinte parada da historia da nosa música, co gran Martín Códax como líder da «movida galega medieval». Tras pasar fugazmente polos séculos escuros, a gala recalou nos anos 40, cando o Tiro-Liro de Delio Rodríguez era o superhit que Galicia exportaba a España. Tamén estiveron presentes as cancións protesta de Voces Ceibes, Andrés do Barro, María Manuela ou Batallán, e recuperouse a figura da Jacinta coa súa canción ‘Chámame’, versión galega do ‘Call me’ de Tony Hatch. Chegando ao final da noite, caeu unha noticia bomba sobre as orixes segovianas da nosa coreada Rianxeira e, como peche, unha homenaxe á movida viguesa, cunha apoteósica version do ‘Galicia Caníbal’ d’Os Resentidos, interpretada no escenario por todo o equipo artístico e a directiva de MÚSICAS AO VIVO.
Os premios foron entregados por representantes de distintos ámbitos do sector musical como Tony Lomba, Rosa Cedrón ou Ton Risco aos 18 proxectos premiados, que levaron para casa os Melómanos e Melómanas creadas polo escultor e músico, Víctor Lorenzo a golpe de motoserra. Nesta edición inscribíronse un total de 442 proxectos (391 grupos, 11 salas, 25 festivais e 15 espazos de comunicación), o que volve converter a web do certame na plataforma de música galega máis importante do momento.
A gala pechouse coa entrega do Premio Honorífico que entregaron a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces; e a directora de Marketing de Bodegas Martín Códax, María Garrido, ao músico Carlos Barruso, a quen a directiva de MAV decidiu premiar este ano «en homenaxe a un compañeiro e personalidade clave para entender a evolución da música moderna en Galicia. Un profesional impecable e xeneroso, cun talento colosal que influenciou e segue influenciando a moitasxeracións de músicas e músicos».
Entre os proxectos musicais premiados destacan propostas con grande proxección a nivel estatal e internacional como Baiuca, Bala ou Tanxugueiras; os traballos de artistas moi consolidados no panorama galego como Marcos Teira, Xoan Curiel, Carmen Rey ou Los Satélites; e achegas de gran valor diferencial como as de Su Garrido Pombo, Xosé Miguélez, Adrián Saavedra, Ejazz e Igloo. Repiten estatuíña Wöyza, Banda Crebinsky e a banda estradense Nao, que este ano se despedirá dos escenarios. Dentro dos premios da industria, premiouse o labor do Diario Cultural e as traxectorias do Festival de Pardiñas e da sala viguesa El Contrabajo Club, que pechará en xuño despois de máis dunha década como aliada da música ao vivo, e logo de ter programado máis de 900 concertos. Este é o listado de proxectos premiados por categorías:
No seu discurso de clausura, a presidenta de MAV, Sonia Lebedynski, destacou o traballo feito pola directiva para cumprir o obxectivo final do certame de «favorecer a visibilidade da música galega en cada unha das súas fórmulas tan diversas». Reclamou «espazos de promoción e difusión para a música galega nos medios públicos, que deben ser independentes, veraces e críticos; e libres de inxerencias do poder». Neste sentido, tamén solicitou da administración que «os grandes investimentos deixen de sufragar infraestructuras e se destinen a garantir unha presenza musical galega representativa»; e pediu ás salas e festivais que «fagan un esforzo por escoitar e programar música galega». Lebedynski remarcou as consecuencias negativas da nova Lei de Espectáculos sobre a vida musical das vilas e cidades e felicitou as iniciativas municipais de Compostela e Pontevedra para buscar solucións que permitan seguir facendo música ao vivo en salas e locais.
Ao remate da gala, no Hall do auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra, os asistentes puieron participar na degustación gastronómica, froito da colaboración especial que os Premios Martín Códax da Música prepararon nesta edición xunto a varias marcas de calidade, Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas co obxectivo de vincular a mellor música galega cos mellores productos galegos. A degustación, que acompañou o viño de cortesía servido por Bodegas Martín Códax, incluíu productos das D.O.P. Arzúa-Ulloa, San Simón e Tetilla; IXP Pan de Cea, IXP Fabas de Lourenzá preparadas pola cooperativa Terras da Mariña; Xamón Galego da Casa do Xamón da Cañiza; embutidos Torre de Núñez; e IXP Torta de Santiago.