-
A AAAG toma esta determinación por mor das decisións empresariais do grupo e a actitude hostil da dirección fronte a acción sindical
-
Agradecen ao persoal de Sargadelos que, nestas dúas décadas, desenvolveu o seu traballo de modo impecable, con gran comprensión e máxima dilixencia
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, como entidade organizadora dos Premios de Teatro María Casares, prescindirá das tradicionais xerras de Sargadelos como trofeo para as gañadoras e os gañadores das catorce categorías nas que se dividen os galardóns; cuxa gala de entrega se celebrará o vindeiro xoves 21 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. A Xunta Directiva da AAAG, despois de informar a súa Asemblea, tomou esta difícil decisión tras 22 anos entregando as xerras do histórico grupo empresarial.
Os motivos residen na dirección que tomou o grupo Sargadelos nos últimos tempos que, aos seus ollos, desvirtúa o histórico proxecto promovido dende a súa orixe por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane. Por outra banda, a actitude completamente hostil por parte do administrador único do grupo Sargadelos cara á acción sindical do seu cadro de persoal paréceles completamente censurable. A AAAG, como entidade sindical, reproba tal actitude e inicia unha nova etapa dentro dos seus premios sen as xerras fabricadas por Sargadelos.
Dende a AAAG, queren lembrar a gran implicación persoal de Díaz Pardo na creación dos María Casares, que celebraron xa a súa primeira edición en 1997 coa xerra reproducindo o rostro da actriz como trofeo, e dende aquela son o gran escaparate do teatro, así como a gran festa para todos os profesionais do sector. Ademais, non deixan pasar esta ocasión para agradecer ao persoal de Sargadelos que, nestas dúas décadas, desenvolveu o seu traballo de modo impecable, con gran comprensión e máxima dilixencia.