Paco Sarria: “Os medios públicos non deben ser un arma contra o adversario político”

Paco Sarria é un periodista de raza e vocación que leva exercendo a súa profesión dende hai máis de 30 anos. En 2016 foi nomeado Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, do que é Vogal da Xunta Directiva dende a súa fundación no ano 2000. Sarria comezou a súa longa carreira xornalística na desaparecida Ondas Galicia en Ourense. Posteriormente, foi xefe de informativos en COPE-Ourense e delegado da TVG nesa provincia. Nestes anos exerceu tamén labores de redactor e correspondente en La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, Cadena Rato, Agencia EFE, El País e colaborou con outros medios como Público. En 1991 puxo en marcha o proxecto radiofónico Radio Miño, vencellado a Onda Cero. Actualmente é coordinador de redacción e contidos en Onda Cero-Ourense.

Falamos con el sobre a situación do xornalismo e os medios de comunicación galegos así como da tarefa feita polo CPXG, que actualmente suma xa máis de 1.100 colexiados entre as sete demarcacións coas que conta en toda Galicia (Santiago, A Coruña, Vigo, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra).

¿Cales son as maiores satisfaccións e problemas aos que se ten enfrontado nestes anos ó mando do Colexio de Xornalistas?

Satisfacción produce sempre poder atender e cumprir unha demanda de algún/a colexiado/a (e non sempre é posible). Satisfacción é poder manter vivos tres piares nos que asentamos unha parte importante do labor que realizamos no CPXG. Por un lado a reivindicación permanente da Liberdade de Expresión e que elevamos cada ano a categoría de celebración coa entrega do Premio Couso; o brindar ós novos titulados en xornalismo a oportunidade de desenvolver un proxecto singular, como nos últimos anos ocorre coa beca «Nacho Mirás» para a que contamos co respaldo de Abanca, e o programa «Xornalismo na Escola» que permite a xornalistas que lamentablemente están en parto, realizar un labor pedagóxico impartindo obradoiros nos IES de toda Galicia, gracias ó respaldo da Obra Social de La Caixa.

¿Segue o xornalismo galego pagando as consecuencias da crise económica? ¿Cal é a súa opinión sobre o panorama xornalístico galego actual?

O xornalismo en xeral segue pagando as consecuencias da crise. Salta á vista coa precariedade laboral existente e o número de compañeiros e compañeiras que engrosaron as listas do paro. Esa precariedade ten como consecuencia sobrecargas de traballo que conducen a unha baixada na calidade do produto. Asemade, este oficio encara outras circunstancias adversas ligadas á dixitalización e presencia de medios de comunicación non convencionais e o mal uso das redes sociais que colaboran na difusión de novas falsas ou incertas ou que fan de calquera cidadán un «xornalista» en potencia, que, de xeito gratuíto, aporta unha visión que ás veces os medios asumen como propia. Mención a parte sería a crecente preocupación que moitos compañeiros/as dos medios de comunicación públicos expresan sobre a manipulación do seu traballo profesional.

O paro e a precariedade laboral seguen sendo unha das principais lacras do sector neste país. ¿Qué accións contempla o CPXG para defender a dignidade da profesión?

O CPXG tense caracterizado sempre en ter como razón de ser fundamental do seu labor, a defensa da profesión e a de quen a exercen, así como da ética que compete ó noso traballo. Neste senso temos realizado accións. Unhas veces advertido (pública ou privadamente) de enfoques ou titulares que consideramos non axustados a eses principios. Nesta liña elaboramos neste mandato, por exemplo, un interesantísimo e útil traballo co Colexio de Psicólogos de Galicia, sobre o enfoque e tratamento de novas relacionadas con ámbitos sensibles da información como a violencia de xénero, o suicidio, os menores, os lumes… O CPXG é unha entidade viva e a Xunta de Goberno debate permanentemente sobre a posibilidade de novas accións

A Xunta de Goberno do CPXG defendeu publicamente a lexitimidade das reivindicacións dos profesionais da radio e a televisión pública nos chamados “venres negros”, que culminaron o pasado sábado 8 de setembro cunha marcha na que máis de 200 traballadores da CRTVG e RTVE-Galicia concentráronse para demandar o fin da manipulación informativa. ¿Cre que é posible unha despolitización real da dos medios públicos? ¿Cal é na súa opinión o modelo a seguir para lograr a independencia e o pluralismo da radio e a televisión pública?

Un modelo mellor sempre é posible. De entrada, os profesionais dos medios públicos reclaman a creación de Consellos de Informativos. Comezar por aí e por un maior consenso que permita ás radios e televisión públicas non ser un arma a empregar contra o adversario político e si unha canle plural proporcional ó servicio dos cidadáns pode ser un paso. Estou seguro de que unha inmensa maioría dos profesionais así o entenden.

O CPXG ten publicadas varias recompilacións das recomendacións deontolóxicas sobre o tratamento xornalístico que os medios de comunicación deberían dar a algúns temas sensibles para facilitar unha cobertura axeitada e responsable. ¿Considera que os medios cumpren, en xeral, con estas pautas ou pecamos de sensacionalismo?

Todos queremos cumprir, pero ás veces pecamos de malos hábitos adquiridos; falla de formación ó respecto e sen lugar a dúbidas, o sensacionalismo segue a estar presente en canta información veña cargada de morbo. Con todo creo que temos avanzado moito porque a sociedade  así nolo demanda e cada vez os xornalistas estamos mais sensibilizados con elo.

Garantir a liberade de prensa é unha das grandes preocupacións do Colexio e boa proba diso é a continuidade que dan os premios José Couso, que conta xa con 14 edicións celebradas e que xa recolleron xornalistas tan destacados como Julia Otero, Miguel Ángel Aguilar ou Jordi Évole. ¿Qué supoñen para o CPXG estes galardóns?

Para o Colexio é a data na que reivindicamos con maior forza a Liberdade de Expresión. É ademais o día no que lembramos a morte dun compañeiro no exercicio da profesión e o día no que reivindicamos xustiza para el, unha conmemoración que permite que lembremos a razón de ser deste oficio. Un día no que recoñecidos persoeiros desta profesión levantan a voz para reivindicarnos como elemento esencial no desenvolvemento dunha sociedade democrática.

Como responsable de contidos de Onda Cero en Ourense, ¿non cre que os grandes medios nacionais pecan de demasiada homoxeneización (todas as cadeas ofrecen o mesmo) e adican moi pouco tempo á información local?

Oxalá dispuxéramos de mais tempo local, pero a radio local tamén precisa de recursos humanos e non sempre de recursos económicos para dar resposta a unha programación que sempre pode ser mais rica e dinámica, pero custosa.

¿Está satisfeito co uso da lingua galega no xornalismo ou cre que os medios da nosa rexión e a Administración Pública deberían facer un esforzo maior neste sentido?

Aínda hoxe me sorprende cando algún ouvinte de paso se queixa por que non nos entende cando falamos galego nas programacións locais e rexionais. Satisfeito un nunca está con nada, e no caso do uso do galego nos medios de comunicación privados tampouco, pero aínda así…digamos que…seguro que si os ouvintes esixiran mais o uso do galego, as empresas farían mais esforzos. Lamentablemente, na prensa escrita, agás honrosas excepcións, semella unha batalla perdida. O que si nos produce perplexidade é que o premio económico da administración o leven empresas que fan do uso do galego algo excepcional e non algo habitual.

Comparte esta noticia en redes sociales:
Quizá te interese:
Ofertas de Empleo

Ofertas de Empleo

Actualización diaria de ofertas de empleo, becas, concursos, premios.

En Portada

Síguenos en Twitter

bloque-newsletter

Suscríbete a nuestra Newsletter

Recibe en tu correo electrónico las noticias destacadas de Aragón

Quiénes Somos