- Aos seus 32 anos, o produtor coruñés perfílase como o presidente máis novo das oito academias de cine e audiovisuais que existen na Península Ibérica.
- Pérez Becerra estará acompañado na vicepresidencia polo guionista e produtor Pepe Coira e a actriz e cineasta Sonia Méndez, a xunta directiva mantense prácticamente sen cambios coa única nova entrada de Fernando Alfonsín
A Academia Galega do Audiovisual conta con presidencia renovada trala elección por unanimidade, na asamblea xeral ordinaria e electoral, do produtor coruñés Álvaro Pérez Becerra. Un presidente de récord para a AGA, que se posiciona como o de máis corta idade de entre todas as academias de cine e audiovisuais da Península Ibérica.
O novo presidente estará acompañado nesta nova etapa polo guionista e productor Pepe Coira e a actriz e cineasta Sonia Méndez que asumen a vicepresidencia do ente. O resto da xunta directiva mantense sen cambios con Carmen Méndez na tesoureiría; Saamira Ganay na secretaría; Óscar Cruz, Susana Veira e Xavi Font nas vogalías, cargo que tamén asume a presidenta saínte Ana Míguez; e Fernando Alfonsín que entra no equipo en substitución da actriz Isabel Naveira.
O presidente de academia máis novo
Aos seus 32 años, Álvaro Pérez Becerra convértese no presidente máis novo das oito academias de cine e audiovisuais que existen na península. Un dos seus desexos para o mandato é que «moitas rapazas e rapaces que agora rematan de estudar e pensan na posibilidade de dedicarse a isto, non vexan tan lonxe ese obxectivo. Como sector temos tamén o reto de buscar as fórmulas para incorporar talento novo constantemente», sinala o novo presidente.
O obxectivo de esta nova etapa será transversal: «reivindicar a importancia do noso sector a través do entendemento entre todas e todos os que formamos parte del. A partir de aí, daremos continuidade a proxectos xa coñecidos, presentaremos algúns outros nos que levamos traballando algún tempo e xurdirán moitos máis. Hai algo que tamén identifica a esta directiva -e ao equipo da Academia-, que é o movemento constante: reunímonos todos os meses e decidimos cousas todas as semanas», engade.
Aniversario dos Premios Mestre Mateo en 2022
O equipo liderado por López Becerra terá que asumir o ano que ven un dos grandes retos da AGA, a celebración do vixésimo aniversario dos premios Mestre Mateo. O produtor coruñés, que tiña doce anos a primeira vez que se celebraron estes galardóns, reivindica o traballo das persoas que contribuíron a conformar o sector audiovisual galego tal e como o coñecemos hoxe en día.
Uns premios cos que está familiarizado como gañador e finalista en diversas edicións e, tamén, como produtor executivo das dúas últimas galas. Unha experiencia que considera que lembrará sempre.
» A relevancia dos Mestre Mateo no noso sector é enorme, aquí e fóra de aquí. Participar da organización nestes dous últimos anos, aprendendo do equipo da Academia e das e dos profesionais que fan posible a gala foi unha experiencia marabillosa».
Álvaro Pérez Becerra, Presidente AGA
Biografía
Álvaro Pérez Becerra traballa dende o 2010 en proxectos de audiovisual e artes escénicas a través das produtoras Ainé Producións e Undodez, da man do actor e cómico Xosé A. Touriñán. Como director de produción, participa en diferentes formatos de ficción e entretemento para televisión. Compaxinaos coa produción de espectáculos de artes escénicas e coa produción audiovisual para publicidade desde a axencia Metronoventa. Tamén coordina o traballo de produción de Medio Limón, a produtora de Marta Hazas e Javier Veiga.
En Castelo (Culleredo), participa na organización do Festival Castelo Conta, que cada verán pon en valor a tradición oral e a cultura no rural a través da comedia. Un dos seus proxectos máis recentes, a adaptación teatral do ensaio xornalístico de Nacho Carretero, Fariña, ven de obter cinco candidaturas finalistas nos Premios Max das Artes Escénicas.