- A partires de hoxe Nós Diario saca un novo coleccionábel para dar a coñecer as primeiras experiencias xornalísticas en galego
- 14 entregas recuperan da man de Xoán Costa, Cilia Torna e Xesús Torres a memoria das primeiras cabeceiras impresas en Galicia
“Os primeiros xornais en galego: 1840-1919”, así se chama o novo coleccionábel que a partires de hoxe 2 de marzo e ata o día 5, e posteriormente do 16 a 31 do mesmo mes, engrosarán as páxinas de Nós Diario. Unha forma de dar a coñecer as primeiras experiencias do xornalismo na lingua galega. Unha achega á historia, aos contidos e ás intencións das publicacións periódicas que se fixeron en tempos pouco propicios para a nosa lingua.
Unha recuperación da historia do noso xornalismo, que se fai de man de Xoán Costa, Cilia Torna e Xesús Torres. O primeiro achégase a O Seor Pedro, O Vello do Pico Sagro, O Tío Marcos da Portela, A Monteira, O Labrego e As Burgas. O segundo estuda O Galiciano, Galicia, Cencias, Literatura, Artes, A Gaita Gallega, O Novo Galiciano, A Tía Catuxa e A Voz do País. Finalmente, Xesús Torres céntrase en O Antroido e A Fuliada.
Unha acción que Nós Diario fai coincidir coa conmemoración da semana da prensa na aula, un momento inigualable para facer un repaso polas publicacións en galego do século XIX. Non hai que esquecer, que a historia dos medios impresos en Galicia é a historia dun pobo onde as manifestacións protoxornalísticas teñen unha longa tradición.