-
Coa campaña Coléxiate! os estudantes poderán aproveitar todas as vantaxes de estar colexiado durante dous anos se ten a metade dos créditos superados
-
Ademáis, o CPXG vén de asinar convenios con Galicia Business School e Hub Escuela con descontos do 15% e bolsas talento de ate 50%
O alumnado das Facultades de Ciencias da Comunicación e a Información que teña superado máis da metade dos créditos pode colexiarse sen custo no Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG). Deste xeito, poden implicarse na defensa da profesión e gozar das vantaxes da colexiación de forma gratuíta.
Coa campaña Coléxiate! os estudantes poderán aproveitar todas as vantaxes de estar colexiado, como estar ao día de todo o que acontece na profesión, contar con asesoría xurídica de balde, gozar de descontos e tarifas especiais en numerosos productos e servizos (hoteis, museos, transportes, cines, librarías…) ou seguir os cursos de formación.
Para poder acceder á colexiación a través desta vía, é preciso ter a metade dos créditos superados. Desta forma, a inscrición como membro do CPXG sería gratuíta, non tendo que realizar o pagamento dos dereitos de colexiación, en concepto de xestión e tramitación, que se efectúa no momento de formalizar a entrada no Colexio. Tamén quedan exentos de abonaren as cotas semestrais mentres figuren como colexiados e colexiadas estudantes.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia conta actualmente con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo). O período máximo para estar colexiado como estudante é de dous anos. A colexiación pode realizarse a través da páxina web do Colexio.
Para calquera dúbida, pódese contactar co Colexio de Xornalistas na sede de Santiago de Compostela (Rúa Ponferrada, 9, baixo), no teléfono 981 935 670 ou por correo electrónico escribindo para xornalistas@xornalistas.gal, así como a través do Facebook e do Twitter.
Sorteo de bolsas do 50% de desconto para programas de formación en Galicia Business School
O Colexio de Xornalistas vén de asinar un convenio con Galicia Business School en virtude do cal os colexiados e colexiadas teñen dereito a un desconto do 15% sobre o prezo total dos programas de formación desta empresa. Ademais, até o 10 de outubro, tamén poden presentarse ao sorteo de medias bolsas (dun 50% de desconto sobre o prezo total) para profesionais en activo.
As medias bolsas poden aplicarse nos seguintes programas de postgrao de Galicia Business School: Bolsa Executive MBA, Bolsa MBA, Bolsa MBA Dirección Operacións & Supply Chain Management e Bolsa Mestrado en Márketing e Márketing Dixital.
Para participar no sorteo é necesario inscribirse até o 18 de outubro neste formulario. Haberá unha persoa gañadora e 3 suplentes en cada programa de postgrao. As persoas gañadoras terán 48 horas para aceptar a bolsa desde a comunicación dos resultados.
Descontos para colexiados do CPXG no 4º Máster en Negocio e Márketing Dixital de Hub Escuela
En virtude do convenio asinado entre o Colexio de Xornalistas e Hub Escuela, as colexiadas e colexiados teñen un desconto do 15% sobre o prezo total do 4º Máster en Negocio e Márketing Dixital que comeza este mes de outubro. Ademais, os membros do Colexio poden optar a dúas bolsas talento que representan un desconto do 50%.