- O festival de Bueu SonRías Baixas, e a súa produtora PlayPlan, son recoñecidos nos Iberian Festival Awards polo traballo feito no eido do marketing e a comunicación
- Estes premios que poñen en valor o traballo dos festivais musicais celebrados en España e Portugal, destacan a capacidade do festival pontevedrés de tecer rede e conectar con todos e cada un dos asistentes
Os Iberian Festival Awards case nunca se esquezen de Galicia, e este ano estes galardóns volven dar visibilidade a un festival galego. Trátase do SonRías Baixas de Bueu, que en 2022 é recoñecido polo seu traballo no eido do marketing e comunicación. A promotora do evento, PlayPan, e todo o seu equipo acaban de recibir un galardón IFA. O segundo da súa historia, logo de obter Jordi Lauren o Premio á Excelencia de 2020. Fai dous anos o codirector do evento, foi distinguido como personaxe máis relevante da industria dos festivais de España e Portugal.
Mellor Estratexia de Comunicación e Marketing
Este recoñecemento sitúa ao evento como unha das propostas máis relevantes do panorama musical estatal e portugués. «A comunicación no SonRías Baixas é un dos eixes principais do festival. Entendemos que, arredor da mesma, xira practicamente todo. A transmisión de medidas de seguridade -especialmente nestes dous últimos anos-, a atención ao público, a escoita activa ou a promoción de bandas emerxentes e consolidadas son partes da mesma. Expoñen Jordi Lauren e Berta Domínguez, responsables da dirección do evento.
«O éxito do SonRías nestes últimos tempos non foi só a asistencia de público. Tamén a capacidade de tecer rede e conectar con todas e cada unha das persoas asistentes coas medidas e estratexias de comunicación trazadas. Aplicamos políticas de igualdade, de sustentabilidade, de reciclaxe. Asimesmo alianzas con marcas e provedores, ou mesmo difundimos o turismo do noso territorio», salientan Lauren e Domínguez, que sinalan que este «é un importante recoñecemento ao traballo de todo un equipo».
Regreso ao gran formato
Recordámosvos que o festival pontevedrés SonRías Baixas celebra este ano unha nova edición na que se recupera o seu gran formato. Será os próximos 4, 5 e 6 de agosto e os primeiros nomes confirmados do cartel son Kase. O JazzMagnetism, Tanxugueiras, Rayden La M.O.D.A., Rels B, Eskorzo, Sofía Gabanna, Ciudad Jara, Sara Hebe, Bala, Buhos, Arnau Griso, García Mc & Nación Quilombo e Balkan Paradise Orchestra, Suu, JazzWoman, Emlan, Maurino e Cool Nenas. As entradas e os abonos xa están á venda na páxina web oficial do festival.