Cantar Galego Eurovisión IA

Un cantar galego busca competir por primeira vez na Eurovisión das cancións compostas por IA

  • AI-LALELO é o tema co que Galicia quere competir no AI Song Contest, a Eurovisión das cancións escritas por intelixencia artificial que terá lugar o vindeiro 6 de xullo na cidade de Liège (Bélxica)
  • Unha homanexe ás mulleres que impulsaron a tradición, lingua e cultura galega e que está promovida pola consultora Cecubo Group xunto cun equipo multidisciplinar de artistas, enxeñeiros, investigadores e músicos galegos

Se as Tanxugueiras conquistaron media España con “Terra”, a consultora compostelá Cecubo Group e o xornalista Joel Cava buscan repetir xogada con AI-LALELO. Un cantar 100% galego que xa está facendo historia o ser o primeiro que se presenta como candidato a gañar o AI Song Contest. É algo así como a Eurovisión das canción escritas por IA, no que Galicia competirá con outros 100 países países por acadar unha praza na gala final que se celebrará en Liège (Bélxica) o vindeiro 6 de xullo.

A candidatura á Eurovisión da IA, está formada por un equipo multidisciplinar de seis artistas, enxeñeiros, investigadores e músicos galegos. Teñen o obxectivo de promover a lingua e cultura de Galicia no eido internacional a través das novas tecnoloxías como a IA. No caso de superar a semifinal con este cantar galego, na que só se conta co voto do xurado, AI-LALELO competiría nunha hipotética final na que a cidadanía poderá votar.

Homenaxe ás mulleres que impulsaron Galicia, a súa tradición, lingua e cultura

AI-LALELO participará no AI Song Contest tras o seu proceso de creación que durou catro meses. En primeiro lugar a computadora bautizada como “Ana María Prieto” (primeira muller programadora informática galega) tivo que aprender a falar galego, para posteriormente compoñer un cantar a partir dunha achega de 400 cantigas do arquivo dixital Volaivai. No relativo a letra, a propia máquina de IA xerou os primeiros versos, cunha temática como fío argumental: a costureira nas distintas estacións do ano. Neste aspecto só foi necesario corrixir algunha falta de ortografía e adaptar algunha frase.

A melodía está feita a partir da copla popular A Costureira, a partir da cal o propio ordenador xerou diferentes liñas melódicas con Google Magenta. No relativo á música, graváronse instrumentos e utensilios de labranza que se procesaron polo sistema DDSP, conseguindo unha zanfona, pandeireta, bombo, sacho, prato, tixola e lata de xeito artificial. Xa na fase final, engadíronse as voces, un baixo e unha arpa de boca ao natural, ademais de realizarse procesamento de audio con algoritmos. Por último, elaborouse o videoclip da canción con intelixencia artificial, reinterpretando unha escolma de escenas típicas galegas.

Mistura de tradición e modernidade

Ao cantar galego AI-LALELO, danlle voz Camille Hédouin (Mounqup), Mónica de Nut e Eva e Xandre Outeiro. Narra a historia dunha costureira, unha muller galega de finais do século XIX quen, por mor da situación socioeconómica da época, compaxina o seu oficio artesanal con labores domésticos e do campo. O tema explica a situación da muller nas distintas estacións do ano, cunha personaxe cada vez máis escura, ata chegar a unha especie de aquelarre.

O tema que busca chegar á Eurovisión das IA, mestura raíz e modernidade, cunha base nas cantigas medievais galegas pero cun toque futurista grazas ao uso da intelixencia artificial na súa composición. Ademais, a canción busca transmitir a responsabilidade da cidadanía para que a identidade e a tradición galega continúen vivas.

O grupo de traballo está formado por profesionais como Juan Alonso, tecnólogo en machine learning e redes neuronais; Sofía Oriana, doutora en Composición en IA e compositora de Elisa y Marcela (2019) de Isabel Coixet; Xandre Outeiro, produtor de bandas sonoras e músico no Projeto Trépia; David Santos, doutor en Telecomunicacións e músico, arranxista e compositor; Marta Verde, artista dixital responsable dos visuais de Tanxugueiras no Benidorm Fest e profesora asociada no Berklee College of Music de València; e Joel Cava, responsable creativo de Cecubo Group.

AI Song Contest

Trátase dun festival de IA impulsado en 2020 pola radio e televisión pública neerlandesa VPRO. Conta coa supervisión da Unión Europea de Radiodifusión, o mesmo organismo encargado de organizar o Festival de Eurovisión. Australia venceu o concurso inaugural con “Beautiful The World”, oda eurovisiva adicada á fauna e flora autóctonas tras sufrir o continente oceánico en 2019 os seus peores incendios. Estados Unidos triunfou o ano pasado con “Listen To Your Body Choir”. Esperemos que no 2022 o cantar galego AI-LALELO chegue moi lonxe.

Comparte esta noticia en redes sociales:
Quizá te interese:
Ofertas de Empleo

Ofertas de Empleo

Actualización diaria de ofertas de empleo, becas, concursos, premios.

En Portada

Síguenos en Twitter

bloque-newsletter

Suscríbete a nuestra Newsletter

Recibe en tu correo electrónico las noticias destacadas de Aragón

Quiénes Somos