Co gaio do próximo 8M, Día Internacional da Muller, quixemos entrevistar a Uqui Permui, a deseñadora gráfica e directora creativa do estudo multidisciplinar de deseño e comunicación visual uqui.net. Socia fundadora da Asociación Galega de Deseño DAG, a recoñecida deseñadora compostelá é unha das voces feministas máis activas do noso sector. Ela asina a campaña “Compostela en negro” que exportouse, baixo o lema “En Negro Contra as Violencias”, a un total de 139 concellos e máis de 8.000 entidades e axentes colaboradores en toda Galicia.
Esta acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas medra ano tras ano, e o triángulo branco sobre fondo negro é agora unha marca reconocible na loita pola igualdade. Esperabas, non só esta gran acollida social, senón que a campaña puidese ter un percorrido tan longo?
Recordo que o primeiro ano de ‘Compostela en Negro’, no 2015, propuxémonos o reto de que a repercusión fora recollida nos telexornais da 1, e así foi, a campaña significouse tanto que abriu todos os informativos do 25N.
Pero, como sabemos, aínda que se realice un plan de comunicación moi consistente, non se pode saber de antemán o alcance cando unha campaña faise viral. O que si podemos facer é desenvolver ferramentas que axuden a que isto suceda.
Por exemplo, agora mesmo estamos analizando, mediante enquisas, a valoración que se ten e como se quere seguir. Neste tipo de campañas son os colectivos, as persoas que levan os CIM, ou as mulleres e os homes de forma individual que asumen un rol de portavoz e que conseguen que a onda se expanda. A campaña non consiste unicamente en cubrir un comercio ou un espazo de traballo de negro, a acción da campaña realmente comeza cando entra alguén na tenda e pregunta: e logo, por que tinguiches de negro o escaparate? Ou se propoña… Ademais de poñelo de negro, por que non facemos un taller no local para tratar o tema? Isto é o que a converte nunha acción transmedia, indo máis alá de fluír por diferentes soportes. Esa é a función de En Negro Contra as Violencias, intervir na cidadanía para deixar de ver de forma ‘normalizada’ algo que non o é.
E tamén traspasou as nosas fronteiras e supuxo o xerme do colectivo de deseñadoras unidas por unha mirada feminista sobre a profesión do deseño. O pasado 25 de Novembro, con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, desde Gráficas en Negro asinabades o manifesto das deseñadoras contra as violencias machistas. Que denunciades exactamente? Cal é a vosa responsabilidade social como deseñadoras?
Criticamos a complicidade de quen perpetua, a través da práctica do deseño e da publicidade, un imaxinario machista que é cómplice, en certo xeito, da violencia machista.
Penso que non só é responsabilidade das deseñadoras senón tamén dos nosos colegas, mostrar unha sociedade igualitaria, propoñer mulleres poderosas, non vítimas… Como escribía Marguerite Yourcenar en Memorias de Adriano “Un home que le, que pensa ou que calcula, pertence á especie e non ao sexo; nos seus mellores momentos chega a escapar ao humano.” Pero as mulleres nunca escapamos dos nosos corpos, nin das súas relacións afectivas, somos corpos e imaxe.
Todas as construcións afectan ao imaxinario, e os profesionais da imaxe temos, en parte, responsabilidade na creación dese imaxinario. Por exemplo, as imaxes de mulleres submisas, riseiras mentres fan a comida ou poñen as zapatillas aos seus maridos dos anos cincuenta incorporáronse ao imaxinario social como positivas e non é fácil desenterralas, aínda que saibamos que detrás delas haxa conflitos e violencias.
Que papel xoga a muller galega no deseño?
No mundo globalizado que vivimos penso que é cada vez máis difícil delimitar un rol tan concreto… É verdade que traballamos dende un contexto e dende unha realidade, non é o mesmo deseñar dende Galicia que dende Londres o Nova York, pero esa fronteira é cada vez máis difusa.
A cuestión, penso, é non perder unhas referencias propias e manter unha perspectiva diferente –tamén inclúo a cuestión de xénero nesa perspectiva– para que o deseño non sexa homoxéneo e repetitivo.
É o que está sucedendo, por exemplo, cos modelos (mockups ou templates…) que facilitan o traballo pero acaban uniformandoo todo. Dito isto, penso que no mundo do deseño, as mulleres, estamos empezando a ser unha revolución, tendo en conta que fai poucos anos que comezamos a ter un papel protagonista. Antes, como sucedía tamén nos estudios de arquitectura, as mulleres só traballabamos ‘detrás de’, agora iso está cambiando, e por suposto, en Galicia tamén…
Son optimista, inda que sei que quedan moitas barreiras que rachar para que o noso traballo sexa recoñecido de igual xeito, as redes masculinas son históricas e rómpelas non é doado.
En igualdade queda moito por avanzar. O movemento feminista continúa vivo e expándese cara novas loitas. Segundo a túa opinión, cal é o momento actual do movemento feminista en Galicia?
Creo que o movemento feminista foi o único movemento histórico que soubo manter unha forte unidade a pesar das diferenzas.
A través de todos estes anos foi un movemento constante, e en concreto a partir do chamado feminismo da terceira onda en que se aproveitaron as conexións da internet para coordinarse; sen esquecer a rúa, conseguiu crear algo moi importante. En Galicia creo que está nun bo momento, paréceme un fervedoiro fascinante e seguro que este ano conseguiremos, como nestes últimos anos, unha gran mobilización… como dis, temos moito que avanzar e xuntas, sen dúbida, será máis doado.
O Contenedor de feminismos recupera, documenta e visibiliza as historias das mulleres, os feminismos e as loitas pola liberación sexual dos últimos trinta anos na nosa terra. Que podes contarnos sobre este proxecto que lideras xunto con Anxela Caramés e Carme Nogueira?
Contedor de feminismos é un arquivo móbil que foi ideado para o espazo público, aínda que logo formou parte de exposicións como Xenealoxías feministas da arte Español, 1960-2010 ou Alén dos xéneros. Tamén construímos unha plataforma web que permitise ter accesibles os documentos que atopabamos.
O proxecto Contenedor trata de repensar os modos nos que se mostran as cousas, a maneira na que se producen os procesos colectivos, como se contan as historias e como podemos gardalas. A partir desa idea, Carme Nogueira deseñou o dispositivo, un contedor que poidera desprazarse e que nos permitira arquivar as docu-accións, chamámoslle así, aos encontros entre mulleres que organizamos na rúa, para falar sobre un tema en concreto, rescatamos esa memoria entre o público e o privado. Interésanos tamén buscar e nomear ás persoas que están detrás dos procesos colectivos. Durante as conversas anotamos no encerado do contedor a información que nos transmiten e logo fixamos os fitos máis relevantes. En concreto organizamos catro docu-accións, a esas témoslle que sumar outra que non realizamos persoalmente, senón que cedemos o dispositivo para que os colectivos de mulleres de León realizasen un encontro nos centros de planificación familiar.
Ata onde se remonta a vosa investigación sobre a gráfica feminista? De cando datan os primeiros carteis e revistas? Atopastes un patrón de estilo similar?
É unha investigación aberta. O primeiro cartel que localicei en Galicia é o de ‘Pola liberación da Muller’, asinado por Llorca en 1976. En canto a revistas, en Galicia editáronse varias publicacións: a primeira, en 1982, foi ‘A Saia’; logo saíu Andaina, a Festa da Palabra Silenciada. Nese momento o deseño resolvíase, a maioría das veces, con collages, recorrendo a imaxes doutras publicacións.
En xeral, as gráficas feministas teñen máis en común do que poderiamos pensar en principio. Martha Scotford –deseñadora e investigadora– chámalles messy history (historias desordenadas) referíndose a que son formas transgresoras e diferentes ás convencionais, dalgún xeito, funcionan como o patchwork, ensamblaxes de experiencias e fragmentos espazo-temporais, que contrastan coa orde que tratan de marcar o deseño máis racionalista.
A nivel tipográfico tamén existen certas coincidencias, bastante lóxicas se pensamos que o que se precisa é chamar a atención con poucos medios, o normal é usar unha tipografía robusta –en palo seco– coa que interpelar directamente o público.
Non podemos rematar sen preguntarche que se sente cando a propia Xunta de Galicia te chama para que sexas a autora do logo que lucirá o próximo Xacobeo 2021?
Dende logo, redeseñar o logotipo do Xacobeo 2021 foi un reto, e asumino con moita responsabilidade.
É unha das marcas máis internacionais de Galicia que representa, nin máis nin menos, un dos lugares de peregrinación máis coñecidos no mundo: o Camiño de Santiago. O proceso foi unha experiencia moi positiva, traballei co equipo do Xacobeo dende o principio o que axuda moito cara o resultado. Por exemplo, no briefing definiuse xa unha serie de características, como que o símbolo tiña que manter a cor e relacionarse co anterior –o do Xacobeo 1999– posto que era unha marca xa recoñecida e implantada pero, ao mesmo tempo, era preciso actualizalo para adaptarse as necesidades actuais.
Daquela empecei analizando os problemas que presentaba a marca, sintetizando nunha única cuncha o significado e o dinamismo das catro que tiña o anterior. Isto permítenos reducións maiores, que era unha das necesidades para integrarse no mundo dixital. Esa simplificación tamén axuda a que a marca poida aplicarse sobre diferentes fondos, é dicir, gañar en versatilidade e consistencia que era o que se pretendía. Onde realicei o cambio máis drástico foi na tipografía, deseñando unha letra propia inspirada na rotulación galega dos anos trinta, baseándome nos trazos suaves e ondulantes, precisamente para, como comentábamos antes, darlle unha maior personalidade.