A tradución literal ao galego de Clúster é acio, conxunto, grupo ou cúmulo, e o Clúster da Comunicación Gráfica exemplifica perfectamente o termo; a integración vertical da comunicación en Galicia. Xosé Luis Reza preside esta asociación desde fai case catro anos, nos que a evolución foi máis que evidente para todos os que formamos parte do sector.
Tomaches a testemuña dun clúster castigado, o da impresión e a edición, e conseguiches incorporar ao resto dos elos da cadea de valor da comunicación en Galicia. ¿Como foi esta transición?
O Clúster viña castigado pola dobre crise que arrastraba o sector, a propia crise económica e a crise que provocou no mundo do papel a dixitalización. Jacobo, o meu antecesor, sempre fala de que desapareceu nun só ano un 70% do sector en Galicia, e ao ano seguinte o 50% do que lograra sobrevivir. Ante este panorama, o Clúster tiña que crecer, e como horizontalmente non era posible, conseguimos entre todos que crecera verticalmente. Ahí foi fundamental a aposta decidida de Markea, Dircom, Creatividade Galega, Executivas…
Márketing, comunicación, publicidade, deseño, impresión e edición baixo un mesmo teito, e innovación, novos mercados, novos produtos e notoriedade como os catros grandes eixos do voso Plan estratéxico. ¿Podemos falar dun modelo de clúster innovador, mesmo único?
O noso Clúster é innovador polo feito de tentar reunir a toda a cadea de valor da comunicación e do marketing baixo un mesmo paraugas.
Non coñecemos casos similares en ningures. Polo demáis é, como debe ser, un Clúster convencional que ten que buscar a xeración de negocios para os seus socios. A diferenza cecáis está en que nós cremos que o negocio ten que vir dun coñecemento e recoñecemento previo do que nos rodea. Por iso todo o que estamos facendo nesta etapa está tan dirixido ao networking e a poñer en valor o noso.
A día de hoxe, o Clúster da Comunicación Gráfica está integrado por máis de 50 entidades, entre as que se atopan asociacións, empresas e centros tecnolóxicos e de formación. ¿Cales son as vantaxes que ofrecedes aos vosos socios?
Si, entre todos representamos a máis de 250 empresas e/ou profesionais, o que supón un 13% do sector que, a súa vez, representa preto do 2% do PIB galego.
Os nosos socios teñen a oportunidade de acceder de forma prioritaria as nosas ferramentas de comunicación (Rúbrica, Afterworks…), teñen vantaxas económicas para participar nos Premios Paraugas e no Congreso que estamos organizando, teñen servizos á su disposición (laboral, LOPD…), acceso ás subvenciós que a Xunta articula vía Clústers, poden participar nas misións comerciais que organizamos ao exterior, e, o máis importante, poden aproveitar as oportunidades de negocio que están xurdindo a través das reunións que mantemos con outros Clústers e Asociacións Empresariais.
Os premios Paraugas, que xa van pola súa terceira edición, convertéronse na gran festa do sector. Supoñemos que é un verdadeiro orgullo o capitanear esta cita anual, pero tamén un gran esforzo. Máis de 250 candidaturas, novas categorías, homenaxeados da talla de Marcos de Quinto ou Toni Segarra… ¿Que podes contarnos respecto diso?
Os Premios Paraugas teñen esa filosofía de poñer en valor o excelente traballo que se fai en Galicia e que, moitas veces, non sabemos nin que existe.
Esforzo? Sobrehumano. A sorte que teño é que me rodea xente excepcionalmente xenerosa. Patrocinadores, colaboradores, organizadores, a xerente do Clúster, a xunta directiva, os xurados… xente que aporta desinteresadamente o seu gran de área para que isto sexa unha realidade ano tras ano. Cousas a mellorar? Tamén moitas, pero neso estamos.
Temos por diante un ano 2019 que entendemos virá cargado de traballo. ¿Cales son os proxectos estrela nos que se está centrando o clúster actualmente?
Pois o que nos ten atarefados neste momento é, por un lado, o Congreso de Marketing Dixital que terá lugar en Pontevedra o próximo mes de abril, os Afterworks mensuais, que ampliamos de Vigo, Santiago e A Coruña tamén a Ourense grazas a iniciativa do Círculo de Empresarios, e as diferentes reunións con outros Clústers e Asociacións das que estamos concretando actividades de xeración de negocio, como foi o mercado tecnolóxico que organizamos co Clúster TIC.
É obvio que a industria da comunicación gráfica está en pleno proceso de cambio. Na túa opinión, ¿cara a onde camiña o sector?
Eu prefiro falar de Comunicación a secas porque agora mesmo, coas novas ferramentas que temos, os límites entre o gráfico, o audiovisual, o dixital é tan difuso que non paga a pena facer distincións.
O que temos é que explorar precisamente os puntos en común. E ahí é onde creo eu que está o futuro do noso sector. Eu veño do off, e estame costando moito adaptarme ao on, pero estou totalmente seguro que os principios son os mesmos: poñer ao cliente no centro das nosas decisións, atender e entender as súas necesidades para poder resolvelas. Iso é o noso traballo, e o que temos que buscar é con qué ferramentas o podemos facer millor. Por iso, non lle teño medo ao cambio, téñolle medo a esquecer a miña función.
Non podemos deixar pasar a oportunidade de preguntarche sobre que opinas de Extradixital e se consideras que estamos a cumprir cos obxectivos de servir como altofalante do sector e poñer en valor o talento galego…
E tanto que si.
Só vos podo felicitar e agradecer a vosa labor na difusión de todas as actividades que fomentamos dende o Clúster. Sodes un dos piares básicos que temos en Galicia, polo que vos temos que estar moi agradecidos.
Estádesnos axundando nun dos principais obxectivos que temos como Clúster, que é poñer en valor os nosos profesionais e o talento que hai en Galicia na impresión, no deseño, na creatividade, no marketing dixital, no marketing convencional, na comunicación…