mestre-mateo-finalistas-2024-galicia

Os Mestre Mateo presentan os finalistas do 2024: Rapa, O Corno e Matria, favoritas

  • O acto de anuncio destas candidaturas tivo lugar no museo MEGA de Estrella Galicia na Coruña cos presentadores Lucía Veiga e Denís Gómez
  • A serie ‘Rapa’ e as longametraxes ‘O corno’ e ‘Matria’ copan 42 candidaturas finalistas, seguidas, a certa distancia, polos filmes ‘Salta’ e ‘Fatum’. 

Os Mestre Mateo xa encaran a recta final para a gala do 2024. A Coruña acolleu onte o anuncio da relación de finalistas para os premios máis prestixiosos do audiovisual galego. Presentados por Lucía Veiga e Denís Gómez, o museo MEGA de Estrella Galicia serviu de escenario para presentar proxectos como ‘Rapa’, ‘O Corno’ ou ‘Matria’ que se colocan entre as máximas favoritas.

En total entre a serie ‘Rapa’ e as longametraxes ‘O corno’ e ‘Matria’ copan 42 candidaturas finalistas. Logo, aínda que a certa distancia, aparecen títulos como ‘Salta’ e ‘Fatum’

As grandes favoritas, en varias categorías

A serie ‘Rapa’, producida por Portocabo, encara a recta final dos premios sendo a máis votada polas académicas e académicos. Son 16 candidaturas, empezando pola de Mellor serie de TV, onde compite con outro traballo da produtora ‘Os argonautas e a moeda de ouro’. Tamén estarán nesa categoría ‘Motel Valkirias’ de CTV e ‘Saudade de ti’ de Voz Audiovisual, ámbalas dúas emitidas por TVG. ‘Rapa’ tamén coloca a seis dos seus intérpretes como finalistas nas categorías de interpretación: Iolanda Muíños, Melania Cruz e Federico Pérez Rey en papeis de reparto e Mónica López, Javier Cámara e Darío Loureiro nos papeis protagonistas.

Pola súa banda, ‘Matria’ obtén catro candidaturas: para a súa actriz protagonista, María Vázquez, e para Susana Sampedro, como actriz de reparto, así como para Eduardo Rodríguez Cunha «Tatán» e Santi Prego como actores de reparto. ‘O Corno’ conta con tres finalistas de interpretación: Carla Rivas e Diego Anido en papeis de reparto e Janet Novás como protagonista.

Completan o listado o gañador do Mestre Mateo á Mellor interpretación masculina protagonista en 2023, Tamar Novas, polo seu papel en ‘¡Salta!’. Tamén Luis Tosar polo seu traballo en ‘Fatum’. A actriz Lidia Veiga terá un dobre protagonismo na gala deste ano, ao ser copresentadora do espectáculo e optar a premio polo seu papel protagonista no filme ‘Canto toco un animal’. 

As películas finalistas a Mellor longametraxe acaparan 40 candidaturas.  ‘O Corno’ suma 14, ‘Matria’ 12 nominacións e ‘¡Salta! terá 9. ‘Fatum’ acada 5 entre elas as de Mellor dirección para Jaione Camborda, Álvaro Gago, Olga Osorio e Juan Galiñanes. Os nomes dos tres primeiros volven aparecer como finalistas na categoría de Guión. No caso de Olga Osorio xunto con Araceli Gonda. O traballo de Pepe Coira e Fran Araújo en ‘Rapa’ completa as candidaturas. 

Sete curtametraxes, cinco de imaxe real e catro de animación, foron seleccionadas como finalistas. ‘Antes de que se poña o sol’, ‘Nena’, ‘O coidado’, ‘O neno sardiña’ e ‘Ulises’ competirán polo trofeo que as acredite como Mellor curtametraxe de imaxe real. Pola súa banda, ‘Illa cordura’, ‘In half’, ‘O monstro e a nena’ e ‘To bird or not to bird’ competirán polo Mestre Mateo á Mellor curtametraxe de animación. 

Programas, realización e comunicador/a

Na categoría de Mellor programa atopamos ao vencedor na pasada edición dos Mestre Mateo: ‘Cinephilia’ emitido por Telemiño. Simone Saibene é tamén finalista a Mellor comunicador e Mellor realización por este programa. Acompáñano ‘Clac’ da TVG, tamén finalista na categoría de Mellor realización co traballo de Natalia López; ‘O gran camiño. Grandes rutas a pé do mundo’ comparte candidatura finalista a Mellor realización para Alba Prol, Raúl García e Jairo Iglesias; e ‘Cos pés na terra’ de Filmax-Producións A Fonsagrada. 

Gerardo Rodríguez completa as candidaturas a Mellor Realización polo programa ‘Malicia Noticias’. O espazo tamén obtén unha candidatura para Lucía Veiga a Mellor comunicadora. Nesa categoría competirá con Juan Fuentes polo magacín ‘Quen anda aí?’ e Paco Lodeiro polo concurso ‘Atrápame se podes’. 

Vestiario, música, son e maquillaxe

Na categoría de Mellor vestiario, pleno de representantes femininas. É coas candidaturas de Alicia e Lola Dapena polo seu traballo en ‘Rapa’, Ana López representa a ‘¡Salta!’, María Porto con ‘Fatum’ e Uxía Vaello en ‘O corno’.

Pola súa banda, só atopamos profesionais masculinos entre os finalistas nas categorías de música orixinal e son. Na primeira, Camilo Sanabria, compositor da banda sonora orixinal de ‘O corno’, competirá con Manuel Riveiro por ‘¡Salta!’, Santi Jul e Iván Laxe por ‘Os argonautas e a moeda de ouro’ e Xavi Font polo seu traballo en ‘Rapa’.

A categoría de son é unha das máis numerosas con nove profesionais candidatos. Carlos Mouriño, David Machado e Javier Pato por ‘¡Salta!’; Juan Gay e Diego Staub por ‘Rapa’; Sérgio Silva e David Machado por ‘Matria’ e Xavier Souto e Diego Staub por ‘Matria’.

Tamén son nove os profesionais candidatos ao premio a Mellor maquillaxe e perruquería. Bárbara Brouke, Lorena Calvo e Silvia Neira por ‘O corno’; Fany Bello e Gemma Márquez por ‘Rapa’; Sonia García por ‘Matria’ e Susana Veira, Beatriz Antelo e Antonio Naranjo por ‘¡Salta!’. 

Producción, fotografía, publicidades, videoclips e máis

Nas finalistas a Mellor dirección de produción competirán Ana Míguez, pola serie ‘Rapa’ e Javi Lopa con ‘Amigos hasta la muerte’, José Alberto Fuentes por ‘ O Corno’ e Nati Juncal por ‘Matria’. Alexandra Fernández por ‘¡Salta!’, Ángel Amaro e Simon Canosa por ‘Motel Valkirias’, Inés Rodríguez por ‘Rapa’ e Melania Freire por ‘O Corno’ competirán polo trofeo a Mellor dirección de arte.

Por outra banda, Jaime Pérez con ‘Rapa’, Lucía C. Pan por ‘Matria’, Mauro Herce por ‘Sica’ e Rui Poças por ‘O corno’ pelexarán pola estatuilla de Mellor dirección de fotografía. No apartado que premia a Mellor montaxe, competirán Cristóbal Fernández, polo seu traballo en ‘O corno’, Lu Rodríguez por ‘Fatum’, Ricardo Saraiva por ‘Matria’ e Gaspar Broullón, Julia Juanatey e Lucía Iglesias pola montaxe da serie ‘Rapa’. 

As candidatas a seren recoñecidas como Mellor documental son ‘A viaxe de Lucy’, ‘Chichi e máis eu’, ‘Emoción, vida y teatro-A nave das Marías’ e ‘Os espazos en branco’, mentres que na categoría de Mellor anuncio publicitario atopamos ‘Arde Lvcvs MMXXIII’, ‘Chama á miña neta’, ‘Gracias’ e ‘Heather Small-Las estrellas del camino’. 

Completan as candidaturas desta vixésimo segunda edición dos premios, as finalistas nas categorías de Mellor serie web e Mellor videoclip. Na primeira compiten dous traballos de ficción, ‘A arte de ser mal pai’ e ‘Terapia de’. Tamén outro proxecto de animación, ‘Bechos’, e un documental, ‘Nosoutras, as mulleres da revista Nós’. As candidatas a mellor videoclip son: ‘A pequena morte’ de Caamaño & Ameixeiras, ‘Fai tempo’ de The Rapants, ‘Oliveira dos cen anos’ de C. Tangana e Little Spain e ‘Ruando Crónicas d’Ardén-cap 2’ de Mondra. 

As premiadas e premiados daranse a coñecer na gala de entrega de premios que se celebrará o sábado 23 de marzo no Coliseum da Coruña. A XXII edición dos Premios Mestre Mateo conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais – AGADIC, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a Compañía de Radio Televisión de Galicia – CRTVG.

Comparte esta noticia en redes sociales:
Quizá te interese:
Ofertas de Empleo

Ofertas de Empleo

Actualización diaria de ofertas de empleo, becas, concursos, premios.

En Portada

Síguenos en Twitter

bloque-newsletter

Suscríbete a nuestra Newsletter

Recibe en tu correo electrónico las noticias destacadas de Aragón

Quiénes Somos