- ‘A paisaxe galega desde a bicicleta’ é unha aposta que combina deporte saudable e turismo sostible
- Está creada pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Instituto de Estudos do Territorio (IET) en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo; e permite gardar os percorridos en dispositivos intelixentes
A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, puxo en marcha unha nova ferramenta virtual e interactiva que mestura a divulgación e conservación da paisaxe, o deporte e o turismo sostible. ‘A paisaxe galega desde a bicicleta’ é unha proposta que serve para facer un percorrido por 2.300 quilómetros da comunidade galega a través de 52 rutas para os amantes do ciclismo e da natureza.
O visor propón o deporte saudable que emprega o medio ecolóxico por excelencia, a bicicleta, para dar a coñecer moito mellor algúns deses recunchos da xeografía de Galicia máis descoñecidos. Deste xeito, a ferramenta permite planificar rutas con alternativas por niveis de dificultade co obxectivo de que moitos percorridos, amais de ser seguros e naturais, poidan ser aptos para todos os deportistas sen importar o seu nivel de preparación ou idade.
Cada unha desas rutas conta cun exhaustivo detalle co máis importante que o usuario ou usuaria debe saber: fotografías, mapas, perfís de terreo e tamén lugares de interese paisaxístico como miradoiros. Ademais, para facilitar a interacción, a ferramenta da Xunta permite gardar as rutas en dispositivos coma smartphones, reloxos intelixentes ou GPS e tamén permite empregar a plataforma Wikiloc, de uso gratuito e moi estendido con máis de 10 millóns de usuarios.
A guía das rutas galegas en bicicleta foi elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo co obxectivo de ofrecer unha nova experiencia turística na comunidade galega, ocio diferenciador para descubrir as paisaxes da comunidade e todo o que pode ofrecer Galicia subidos enriba dunha bicicleta, o medio de transporte de emisións cero.
Xa se recibiron máis de 14.400 visitas e preto de 950 descargas en dispositivos móbiles dende posta en marcha desta iniciativa, que busca unir deporte, a conservación do patrimonio natural e a posta en valor do territorio galego.

