O centro Arty! Market da Coruña acolleu o pasado venres a gala do duodécimo Premio José Sellier que entrega anualmente a Academia Galega do Audiovisual. A asociación Senunpeso foi a galardoada este ano e Carla Pérez, a súa presidenta, foi a encargada de de recoller dito premio. O trofeo foi entregado por Alfredo Sellier, descendente do cineasta que dá nome aos galardóns.
Nacida no concello de Vedra (A Coruña) en agosto de 2009, Senunpeso Producións é unha asociación cultural que, ao longo destes anos, desenvolveu numerosas actividades a prol do audiovisual galego. O 20 de setembro deste ano, un comunicado na redes sociais da asociación anunciaba o cese da súa actividade. Se poñía fin, deste xeito, a unha traxectoria comprometida cunha «sociedade máis crítica e autoconsciente», empregando como recurso principal o audiovisual e traballando con tres referentes: o audiovisual, o rural e Galicia.
Orixe rural, referencia audiovisual
A Academia Galega do Audiovisual recoñece con este premio Premio José Sellier a unha asociación «que traballou de xeito incansable a prol da formación e da exhibición audiovisual, empregando o audiovisual como ferramenta para o encontro, a creatividade e a aprendizaxe, desde un pequeno concello da provincia da Coruña«.
Tratábase dunha iniciativa que reivindicou con orgullo a súa orixe rural e o seu vínculo co territorio, a través de propostas de referencia para profesionais de toda Galicia. Algunhas delas tan recoñecidas como foron o Laboratorio Audiovisual de Vedra, o LAV.mov ou a convocatoria A fume de carozo. «No ano da súa disolución, este premio quere ser un agradecemento a todas as persoas que a fixeron posible. Tamén, un recoñecemento ao pouso que deixa en veciñas e veciños de Vedra, profesionais do sector e persoas de toda Galicia que amamos o noso audiovisual», explicaban nun comunicado de prensa.
O premio Sellier é un galardón que premia o labor de iniciativas salientables dentro do sector audiovisual. Debe o seu nome ao pioneiro do cinema José Sellier Loup. En maio de 1897 foi pioneiro na filmación na Coruña das primeiras películas rodadas en España con cámara Lumière. É unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual e conta co apoio do Concello da Coruña.