- A canle pública galega acadou o pasado mes unha cota de pantalla do 10,8 %
- Segue a consolidar os seus informativos como líderes de audiencia con máis dun punto por riba da competencia
- ‘A Galega’ acumula 13 meses con datos de audiencia de máis de dous díxitos e en prime time a costa sube ao 10,9%
A TVG pechou o mes de outubro con máis boas cifras de resultados en canto a audiencias. Con todo, a canle autonómica leva máis dun ano con cifras de espectadores por riba dos dous díxitos. Isto é posible grazas ao mellor outubro da cadena desde 2013. A cota de pantalla da ‘Galega’ no pasado mes foi de 10,8% no conxunto da xornada e 10,9% na franxa do prime time, segundo datos recollidos por Kantar Media.
Amais, os datos dos servizos informativos da Televisión de Galicia seguen a bater aos seus competidores. En outubro foron referentes, destacando a franxa do mediodía entre as 13:30 e as 15:30 h., coa emisión do informativo de proximidade ‘Galicia Noticias’ e o ‘Telexornal Mediodía’. Nestes programas a cota foi do 18,3 % de luns a venres, a 1,3 puntos da seguinte canle (Antena 3, cunha cota do 17 %).
Grandes cifras nos programas estrela
Por días, destacaron as cotas de pantalla con medias superiores ás acadadas no mes dos días laborables luns (10,9 %), martes (11,3 %), mércores (11,4 %), xoves (12,5 %) e venres (12,1 %). No prime time cómpre salientar os datos dos luns (11,1 %) coas emisións de ‘Operación Marea Negra’ e do ciclo de cine galego ‘Realmente G’, os xoves (12,5 %) con ‘Land Rober Tunai Show’, os venres de ‘Luar’ (11,9%) e os sábados con ‘Bamboleo’ (11,2%).
Por outra parte, TVG segue a ser unha das canles motor da rede de televisións autonómicas de FORTA, superando a este grupo en 2,3 puntos de cota.